top of page
  • aluzdacandeira

Imaxes do patrimonio (1º ESO B)

Actualizado: 11 jun

Velaquí as fotografías recollidas polo alumnado de 1ºESO B do IES Politécnico ás súas familias durante as vacacións de Nadal de 2023; e que servirán para participar no Concurso das Imaxes do Patrimonio de Ponte nas Ondas, que se celebra na parte final do curso.


1º ESO B

Alejandro García Rey


Esta fotografía é unha do agro onde aparece o meu bisavó de pequeno de chapeu, descalzo, e vestido con chaqueta negra, camisola branca e pantalón negro. Na foto está sobre a herba cuns tenreiros no campo guiando un carro feito de madeira, co que antigamente se gardaba e transportaba a herba. O carro contaba cun eixo e dúas rodas de madeira cunha lámina de metal , nas que se apoiaba unha base que ía rodeada por uns paus verticais, chamados estadullos, que impedían que caese a carga. Na parte de diante do carro apoiábase o xugo das bestas que tiraban do carro, pois este se move por medio de tracción animal, acometida habitualmente por unha parella de bois.


Naquel tempo, o meu bisavó ía co carro cheo ata Valadares, nun camiño angosto e duro, o que debía ser un traballo bastante complicado.


 

Martín Villar Menor



Esta é unha foto do ano 1968 onde sae a miña familia, que migrou a Francia pola falta de traballo.


Os meus bisavós eran de Ponteareas e tiveron que marchar en busca de traballo e con eles foi tamén a miña avoa é migraron a París (Francia). Alí atopou ao meu avó, que é de Ourense e tamén migrou en busca de traballo e fuxindo dunha posible chamada para incorporarse ao exercito, xa que nesa época tivo lugar a Guerra Civil e as Guerras Mundiais e en España había unha ditadura. A calidade de vida empeorou e houbo crises económicas.

 

Pola situación de pobreza tiveron que migrar sen coñecer o idioma alá onde fosen, non lles quedou outra que aprender a falar francés sen ir á escola. Namoráronse e casaron alá, noutro país lonxe da súa familia.


 

Inés González Franco



Esta fotografía é do ano 1936 ou 1937. Nela pode verse á miña bisavoa. Ela chamábase María del Carmen Dolores Castro Piñeiro e traballaba nunha fabrica de conservas.


Nesta fábrica formouse un coro e era tan bo que o seleccionaron para os Xogos Olímpicos Obreiros de Barcelona. Tiveron a mala sorte de que nese mesmo ano comezou a Guerra Civil, na que se sublevou Franco, e entón foi interrompida a celebración dos Xogos Olímpicos que organizara a República.


 

Aitor Iglesias del Ser



Nesta imaxe pode verse a Batalla de Flores nas festas do Apóstolo en Santiago de Compostela o 30 de xullo de 1930. A Batalla de Flores era o peche das festas do Apóstolo e participaban 30 carrozas patrocinadas polos mellores comercios de Santiago.


A miña bisavoa é a última co gorro branco e, como curiosidade, o segundo de camisa branca na carroza é o pai de Rajoy.


 

Carla Pereira González



Esta foto data do ano 1978. As dúas persoas que aparecen son os meus avós maternos, que se chaman Aurelio e Loli, que por aquel entón debían ter uns 30 e 35 anos (30 anos a miña avoa e 35 o meu avó). Eles estaban no casamento dunha curmá do meu avó que tamén é a madriña da miña nai, a cal, nese momento, tiña tres anos. Como a noiva era a súa madriña, ela foi a que levou as arras na voda. A miña nai aínda recorda cando fixo as probas para o precioso vestido que levou. O convite foi en Ourense, nun restaurante chamado Auria, onde estou segura de que tomaron unha exquisita comida.


A foto, está feita en Castro, a aldea da noiva, que estaba no municipio de Carballedo, na provincia de Lugo. A vivenda que se ve por detrás é a casa na que vivía a madriña da miña nai, unha gran e bonita casa de pedra típica da Galicia rural. O coche vermello que aparece por detrás encornado, é un 1430 Seat.


 

Samuel Ricoy Álvarez



Antigamente, cando aínda non era habitual o uso de camións ou tractores, en Galicia empregábase o carro tirado por bois como elemento para carga e transporte de todo tipo de mercadorías, pero especialmente naqueles traballos relacionados coa agricultura.


Nesta foto aparece o meu bisavó Benxamín (carreteiro) no centro. A súa esquerda, diante da parella de bois, está o meu tío avó Antonio, fillo maior de Benxamín. Ambos os dous teñen na man unha vara coa que se tanguía ao gando. Esta vara no seu extremo tiña unha fina punta metálica chamada aguillón, usada para azuzar os bois e indicarlles por onde ir.


A foto amosa o carro cargado de batume, basicamente toxos e fentos cortados na limpeza das  coutadas (fincas de monte), que se usaba de cama nas cortes dos animais.


En ocasións, o meu bisavó transportaba co seu carro de bois pedras dende as canteiras das aforas, para a construción dos edificios no centro de Vigo. Agora xa non se poden ver carros de bois en Vigo e a profesión de carreteiro desapareceu, pero paréceme algo moi bonito e que quedará para sempre na historia.


 

Mateo Rivas Ubeira


Fotos do meu avó na "Mili" (Ano 1964)


O meu avó, nado no ano 1945, cóntame que antigamente tódolos homes tiñan a obriga de realizar o servizo militar obrigatorio.


Ao cumprir os 20 anos chamábante para facer a "Mili", osignificaba ingresar nun cuartel militar, do cal te enviaban a un C.I.R. (Centro de Instrución de Recrutas), onde pasabas aproximadamente 3 meses aprendendo as normas e disciplinas básicas que rexen no regulamento militar e ensaiando o acto solemne da xura da bandeira (onde xurabas defender ab España e bicabas a andeira). Despois da xura abandonabas o Centro de Instrución de Recrutas e levábante ao cuartel de destino, onde durante aproximadamente un ano recibías formación teórica e practica de acordo coa especialidade do rexemento (artillería, infantería, etc.) O lugar de destino podía ser calquera punto de España, incluídas as posesións españolas en África. Había a posibilidade de ir voluntario, ingresando un ano antes da data obrigatoria, o que permitía ao voluntario elixir o destino e, maioritariamente, o voluntario elixía un destino próximo á súa casa.


No ano 2001, o Consello de Ministros asinou un Real Decreto que eliminaba o servizo militar obrigatorio. E na actualidade o exercito español está formado por homes e mulleres que decidiron voluntariamente ser militares de profesión.


 

Noelia González González



Nesta fotografía aparecen o meu pai e mais un amigo seu. Estaban facendo o Camiño de Santiago e no medio dunha montaña atoparon uns sofas. Como lles pareceron curiosos sentaron e sacaron a foto, pero o meu pai, como xa camiñara uns 30 ou 40 km e estaba canso, ao intentar rematar o camiño, porque só lles quedaban 2 km, case non puido levantarse e o seu compañeiro tivo que axudalo. Unha curiosidade é que a parella que aparece na esquerda ían cunhas bicicletas e facían os mesmos quilómetros por día que o meu pai e o seu amigo, por iso cada vez que paraban se atopaban con eles.


 

Xela González Vázquez


Ola, eu son Xela e vou a falar desta fotografia do ano 1976. Esa é a foto dos meus avós o día da súa voda e estaban cortando a torta de sete pisos coa que se celebrou o casamento. Ocorreu o 08/08/1976 e casaron nunha igrexa pequena de aldea. A celebración da voda fíxose na casa e case toda a voda foi organizada polos seus país. Era un día caloroso e a noiva ía vestida cun traxe de branco moi normal apertado na cintura e o meu avó ía vestido cun traxe negro cunha gravata vermella que lle regalaron os seus amigos de traballo.  Había moita xente, tanto por parte da miña avoa como por parte do meu avó, xa que tiñan moitos familiares. Casaron pola mañá e durou todo o día, ata a noite. Asistiron persoas moi importantes, como por exemplo a avoa da miña avoa.


 

Anny Saray Salazar Rengifo



Esta fotografía foi feita no ano 1993. Nela están a miña nai (a nena vestida de azul), a miña avoa (a muller vestida de rosa), o meu avó (o home vestido de Branco) o meu tío (o neno vestido de branco) e a miña curmá (a nena vestida de branco). A miña nai e a súa familia marchaban de viaxe a Medellín, Colombia, para visitar aos seus avós, despois de algúns anos de non velos porque vivían nunha zona rural. Ese día foi o aniversario da miña avoa, María Edilma. O meu avó sorprendeuna coa súa torta favorita (torta de 3 leites) e tróuxolle unha serenata, onde cantaban as súas cancións favoritas de namorados de cando eran novos. Esta fotografía representa un momento moi especial para a miña nai, porque ese día puideron reunirse en familia despois de tanto tempo e pasárono moi ben.


 

Iago Blanco Manrique



Esta foto está feita en Partovia, unha aldea de Ourense. Está realizada no ano 1967, o primeiro domingo de Agosto. Nela saen a miña avoa Amparo (que daquela tiña 12 anos), a súa prima (que tiña 11 anos) e a súa tía (que tiña 29 anos). Sacáronse esta foto para mandarlla aos seus pais, que estaban en Venezuela. Ían tan arranxadas porque acudirían á Festa do Polbo en O Carballiño.


A miña avoa levaba unha saia plisada, un chaquetón que lle fixera a súa tía porque era modista, uns zapatos vedes cuns calcetíns por fóra brancos. A súa prima levaba unha saia lisa, un chaquetón chevió, que lle fixera a súa nai porque tamén era modista, uns zapatos vedes e uns calcetíns brancos por fóra, levaba o pelo recollido e tiña unha pulseira na man. A súa tía na foto levaba unha saia, unha blusa lisa, guantes na man, tres voltas de colar, uns tacóns negros, un bolso e un peiteado de peluquería.



78 visualizaciones0 comentarios

Comments


bottom of page