top of page
  • aluzdacandeira

As imaxes do patrimonio (2º BACH A)

Actualizado: 23 may


Velaquí as fotografías recollidas polo alumnado de 2º BACH A do IES Politécnico ás súas familias durante as vacacións de Nadal de 2023; e que servirán para participar no Concurso das Imaxes do Patrimonio de Ponte nas Ondas, que se celebra na parte final do curso.


2º BACH A


Adriana Alonso Álvarez


Na foto, a miña avoa, Mercedes, a sétima moza contando dende a esquerda, e as súas compañeiras, traballaban nunha fábrica de cepillos. Os cepillos eran tanto para os dentes, como para a roupa, o pelo, etc; e facíanos con peles de animais, como por exemplo de porco. Ela comezou a traballar dende moi novs, aos 13 ou 14 anos e seguiu a traballar alí ata os 21. Antes diso apenas estudou un ano na escola, xa que se comezaba a estudar aos 8 anos e ela pasara moito tempo enferma en casa, polo que apenas puido ir moi pouco tempo. Na fábrica, a miña avoa cobraba 75 pesetas, e alí traballaba con outras mulleres, varias delas amigas súas coas que pasaba parte do seu tempo libre.

Mercedes era unha muller moi traballadora pero que tamén lle gustaba pasar un bo tempo, ela conta que das 75 pesetas aforraba unhas poucas para ir ao baile coas súas amigas. Ela explicaba que tiñan que repartirse as bebidas entre varias e volver a casa andando porque non tiñan suficiente diñeiro para máis, pero que ainda así conseguían pasalo ben.


 

Meseret Alonso García


Nesta fotografía de 1946 aparece a miña avoa cun ano. A anécdota da que está a falar ela na gravación foi varios anos máis tarde, concretamente con seis anos. Explícanos como a miña bisavoa marchaba de casa para facer uns recados e ella se quedaba coa súa avoa, que estaba impedida ,e subía ao tellado para burlarse de Deus. Unha tarde, a miña bisavoa enterouse do que facía e rifoulle dicindo que non o fixese máis. Fóra do podcast, díxome que despois diso non o volveu a facer. Despois de escoitala falar deime de conta que antigamente se lle daba moita importancia a Deus, máis que na actualidade, tanto que se castigaba aos fillos por ter as suas opinións sobre el. E non estou dicindo que lles importaba máis as suas crenzas cós seus fillos, pero si eran bastantes estrictos respecto a eles.



 

Aitana Álvarez Oliveira


Na imaxe pódese ver a irmá do meu bisavó na sua voda e ao seu carón está o seu tío e marido. A foto foi sacada ao redor dos anos 20, daquela a irmá do meu bisavó teria uns trece anos. Como era común na época a voda non se produciu por amor senón polo feito de manter as terras na familia, xa que daquela ter unha gran cantidade de terras era signo de riqueza , polo que esa rapariga de trece anos foi obrigada a casar co seu propio tío que roldaría daquela os corenta. A foto sitúase en Brasil, xa que, como a maioria dos galegos do momento, emigraron en busca dun modo de vida máis cómodo e para atopar un bo traballo. Outros destinos que se frecuentaban na emigración galega da época eran paises latinoamericanos como Arxentina, Cuba…


 

Lucía Bouzo Pereira


Nesta foto datada do ano 1958 pódese ver a orquestra porriñesa Os Lorenzos. Formada por xente de orixe porriñés arredor do 1940, aínda que, ao morrer os fundadores, foi retomada por un grupo de amigos os cales se coñecían dende nenos e compartían o seu afán pola música dende que eran pequenos. Tocaban diversos instrumentos como os que se poden ver na imaxe: dende trompetas e saxofóns ata guitarras españolas. O meu avó, Ramón Guillermo Pereira Pérez, coñecido como Malleiro, é o primeiro da foto, un dos trompetistas principais da orquestra, que no momento da foto tiña 20 anos de idade. Eran recoñecidos na zona por tocar nas festas celebradas no verán; ademais, tamén tocaban en bares e restaurantes cando había vodas, comidas ou celebracións de importancia. A pesar do seu gusto pola música, moi poucos dos integrantes vivían dela, xa que era una orquesta humilde na que se repartían os cartos que gañaban durante os festivos ou os fins de semana en festas. Tiñan eses cartos como un sobresoldo e a música como un pasatempo, por máis que desexasen vivir como músicos a nivel nacional. Arredor de 1965 a banda disipouse, facendo que algúns dos integrantes deixasen a música e outros, coma o meu avó, marcharan á Orquestra Radio.



 

Luca Burguera Carballa


Nesta foto pódese observar o meu pai de 5 anos, co seu irmán maior de 9, e o pai de ambos que tiña 80 anos. O que máis destaca da foto é claramente a vellez do meu avó, que podería pasar perfectamente como o meu bisavó. A foto foi sacada de casualidade en Ourense, na praza do Ferro, cando o meu avó se atopou cun amigo seu e este ofreceuse a sacarlles unha foto familiar, de alí que a foto estea sacada con eles sentados no chan e sostendo unhas pistolas de xoguete. Esta é unha das poucas fotos que temos del, posto que tiña o medo de que se o rexime franquista o atopaba podería matar os seus fillos, aínda que Franco morrera anos atrás.



 

Olivia Calvo Vázquez



Estas son dúas fotos da miña avoa paterna Carmen Vilar Gómez, de Castriz en Santa Comba. Nas fotos vense unha mestura de amigues, familiares e veciñes seus, ela non está en ningunha delas xa que no momento estaba traballando no hospital de Santiago. Ambas foron tomadas o 15 de agosto do 1964, no concello de Santa Comba en Vilamaior. A xuntanza é debida a festa da Virxe de Vilamaior, unha das moitas celebracións que hai durante o ano. Na primeira foto atópanse todes comendo e bebendo no céspede antes da festa, de merenda preparándose para celebrar. Na segunda foto esas mesmas persoas están xa bailando, tocando as pandeiretas e cantando, aínda que algúns se manteñen

comendo. As imaxes mostran unha das varias merendas que se facían, aínda que aquí unicamente estamos a centrarnos nun grupo específico de persoas, moitas outras familias e amigues facían igual e xuntaban para merendar e celebrar o día do mesmo xeito.



 

Ainhoa Fernández González



As seguintes fotos mostran a realidade do ano 1963 en Francia, é unha postal que lle enviou naquela década o pai da miña avoa á súa muller cando estivo nun hospital francés durante dous anos por tuberculose, pois emigrara para alá xa que non atopaba traballo na construción en España e quería facer unha casa coa súa muller. Ao final, marchou alá para conseguir uns cartos e volveu co necesario para conseguilo.


 

Andrés Iglesias Domeque


Meu bisavó é chamado na casa "O avó do mar" porque ía pescar ao Gran Sol, un caladoiro preto das illas Británicas. Dalgún xeito os seus fillos herdaron a paixón pola pesca. Meu avó Eduardo pescou dende sempre, nunha barca de remos, pescaba o que caía e se podía algo de marisco, ía na "Nicanora", que nin el sabe por que lle chama así. No centro desta fotografía atópase o meu avó Eduardo (camisola branca) levantando cun arpón unha quenlla. Dentro do barco está o seu irmán Pepe agarrando a cola dunha das quenllas que pescaron. Remataba o concurso da pesca do tiburón no cal tiñan que navegar mar adentro ao redor de 6 millas dende as Illas Cíes. Coma cebo utilizaban sardiñas e tamén sangue e vísceras de animais (el chámalle "saque"). As quenllas que pescaba non eran pequenas: ata 3 metros e 80 kilos. Pescábanse con canas con liña, tiñan unha preparación especial. Usábase corda en lugar de tanza e os anzois eran de aceiro. Entrambas cousas polo menos metro e medio de cable de aceiro, para que cando picase a quenlla non puidese trincar a corda. Gañaron xuntos varios trofeos que aínda garda no seu salón o meu avó.



 

Mateo Nandín Raviña


(Foto definitiva elexida, vestido estampado)

María Teresa Nandín Vila (21 anos) no antigo restaurante do Castro o 28 de Maio de 1965.

Aínda que para este traballo só se precisase dunha foto (a foto definitiva elixida é a primeira do documento) penso que é necesario ver algúns dos conxuntos que a miña avoa, María Teresa Nandín Vila, fixo ao longo da sua vida; dende os sete anos ata a actualidade. Xa sexan abrigos, bañadores, traxes, vestidos ou calquera outra cousa; ela confecionounos quedando noites enteiras pegada á súa

máquina de coser.


 

Adriana Padín González


Amelia, de actualmente noventa e dous anos, describe a fotografía na que ela e mais tres mulleres cun aparente sorriso xenuíno traballaban nunha maquinaria da empresa tecnolóxica Philips; sendo a única estranxeira e representando a crúa realidade de moitos galegos e galegas, a emigración na época da posguerra. Ela e máis seu marido Federico marcharon a Alemaña aos trinta anos na busca dun traballo ou máis ben, fuxindo da fame que estaban pasando en Galiza. No país alleo, era sinxelo recibir ofertas laborais, máis estas resultaban en moitos casos esixentes e explotadoras, tal e como narra sobre seu marido na mina ou na Philips aguantando cunhas insalubres condicións. Amelia tivo dúas fillas, elas puideron aprender o idioma, mais Federico e ela relacionábanse co básico. Seus dous irmáns emigraron a Arxentina e moitas amizades quedaron en Galiza, polo tanto a vida en Alemaña era silenciosa e estrita. Tras trinta e cinco anos traballando no país foráneo, xubiláronse e regresaron, instalándose nunha casa en Melón, Ourense. Seus dous irmáns seguen en Arxentina, unha das súas fillas traballou en Suíza e unha das súas netas reside en Berlín, sendo unha mostra de tantas galegas e galegos que deixan rastro da súa cultura arredor do mundo.



 

40 visualizaciones0 comentarios

Comments


bottom of page